Saturday 11 de May de 2024

Centos de persoas súmanse ao festexo de Fin de Curso de Xiradela en Arteixo


· A cita celebrouse o pasado sábado no anfiteatro do paseo fluvial de Arteixo e contou con 24 actuacións e preto dun cento de participantes.

· O acto final da Escola de Música e Baile tradicional contou con interpretacións do alumnado de gaita, percusión, baile e pandeireta e canto tradicional da asociación que amosaron o aprendido durante todo o curso.

Logo de meses de ensaios e de aprendizaxe de novas pezas, o alumnado da Escola de Música e Baile Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo celebrou o seu Fin de Curso, unha cita na que puideron amosar a evolución acadada polos diferentes grupos de gaita, percusión, baile e pandeireta e canto tradicional. Centos de persoas acudiron seguindo en vivo esta cita co folclore que tivo lugar o pasado sábado 17 de xuño no anfiteatro do paseo fluvial de Arteixo.

En total 24 grupos actuaron nese espazo ao aire libre na tarde do sábado no transcurso do acto de Fin de Curso da Escola de Música e Baile Tradicional da A.X. Xiradela de Arteixo. Cada un deles interpretou diferentes pezas tradicionais. Houbo tempo para marchas, chotis, agarrados, cantares, vals, rumbas, maneos, pasodobres, jotas e por suposto, muiñeiras. Interpretáronse pezas recollidas en lugares como A Laracha, Cerceda, Santa Comba, Malpica, Pontecaldelas, Ourense, Fornelos de Montes, Sofán, A Silva, Carballo, Zas, Val do Dubra, Xaviña, Cerceda…

Entre os grupos da Asociación Xuvenil Xiradela que actuaron estiveron os de baile: Arroutada, Xiradeliñas, Cinquilimpé, Samain o Foliadeiras. Tamén se puido gozar da actuación dos grupos de pandeireta e canto tradicional: Chiculate, Estalotes, Riscadeiras, Mistura, Troulada, A Pedreira, Retelladas, Lume, A Reghocheo, Arrieiras o Algarada.

Como peche deste evento, as persoas integrantes da A.X. Xiradela interpretaron conxuntamente varios temas. De este xeito, cerca de un cento de persoas bailaron, cantaron e tocaron á vez ante o numeroso público que se deu cita no Anfiteatro do paseo fluvial de Arteixo. Familiares, amigos, transeúntes curiosos e persoas afeccionadas ao folclore tradicional, chegadas de diferentes puntos da comarca, sumáronse a esta festa que puxo fin a meses de ensaios e aprendizaxe.

As actividades de danza oriental e baile moderno terán a súa actuación de fin de curso o vindeiro venres 30 de xuño desde as 18:00 horas no Centro Cívico da citada localidade coruñesa.

QUEN SOMOS

A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no municipio de Arteixo (A Coruña), nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo libre, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que nos permiten, por unha banda difundir o noso traballo, e por outro, axudar a promover a socialización dos mozos con xente doutras asociacións.

Esta asociación supera os 40 anos de existencia. Comezou impartindo baile tradicional, e logo ampliou a oferta ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión, entre outras.

A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cancións, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos antepasados, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posible á máis pura tradición galega.

A A.X. Xiradela celebra anualmente un concurso de música tradicional e, desde o ano 1987, celebra o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailaríns da peza máis emblemática do noso folclore.